Negocio audiovisual e rendabilidade
2009-07-20
O aspecto do que depende totalmente a realización dun proxecto audiovisual é a viabilidade do seu financiamento.
Norberto Penedo Rey, Director Xeral do IGAPE, moderou a participación dos seguintes profesionais:
- Maxim Mata, do Institut Catalá de Finances (ICF)
- Susana Serrano, directora Audiovisual Aval SGR
- Francisco Javier Gómez, Área de Mediación ICO
- Marta González, Área de Financiamento Corporativo ICO
- Víctor López, director Vodka Capital
- Enrique Nicanor, produtor e experto Formación EAVE Media
O achegamento ao financiamento audiovisual comezou pola perspectiva catalá, onde o Institut Catalá de Finances (ICF) facilita o crédito as produtoras catalanas. Maxim Mata expuso as liñas de actuación da entidade pública que conta cun convenio coa asociación de produtores Barcelona Audiovisual dende o ano 1999 e ofrece diferentes liñas de acceso ao financiamento, a través de desconto de contratos e avais. O Institut tamén participa en Mesfilms xunto a TV3 e o ICIC. A través desta ferramenta de investimento apoiaron o desenvolvemento de películas con vocación internacional e un presuposto mínimo de 6 millóns de euros.
A mesa continuou coa directora de Audiovisual Aval SGR, Susana Serrano. Esta sociedade de garantía recíproca está especializada no sector audiovisual e coñece as súas necesidades e diferenzas. Nos últimos meses asinaron un convenio co Ministerio de Cultura polo que amplían o seu eido de traballo a todas as industrial culturais e o Ministerio asume, ata finais de ano, o custe dos avais que se concedan baixo este acordo.
Audiovisual Aval S.G.R.concede préstamos en condicións favorables e despois destes anos de actividade xa conseguiu “seis socios protectores, ICAA, EGEDA, FECE, AITE, ADICINE, FAPAE, e 316 socios partícipes, que son produtores que xa recibiron o noso aval nalgunha ocasión”. Unha das vantaxes que ofrece esta Sociedade de Garantía Recíproca é a xestión da negociación do financiamento coas entidades financeiras, bancos e caixas, e o asesoramento dos plans de financiamento das produtoras.
Audiovisual Aval SGR colaborou hai dous anos con IGAPE e AGAPI a través de dúas liñas de financiamento para producións audiovisuais e compra de bens de equipo para as produtoras da comunidade.
O Instituto de Crédito Oficial (ICO) completa a oferta de financiamento a través de dúas canles: as liñas comúns ofertadas para todas as empresas e as liñas específicas pensadas para o sector audiovisual. Marta González, da Área de Financiamento Corporativo, e Francisco Javier Gómez, da Área de Mediación, salientaron a operatividade destas liñas nas que se facilita financiamento aos proxectos audiovisuais a través do convenio TVE-FAPAE- PROA, que conta con 75 millóns de euros a 3 anos e da que se consume un 50% do seu orzamento para o investimento en longametraxes, curtametraxes, telefilmes e pilotos de series de animación.
Do ano 2003 ao 2005 o ICO tamén contou cunha liña específica con Televisión de Galicia que non obtivo moita demanda. A TVG colaboraba na meirande parte dos proxectos como coprodutora, non mercaba os dereitos de emisión, polo que o ICO no podía entrar no financiamento. Xeralmente o Instituto tamén adianta aos produtores os contratos que estes asinan coas televisións e as subvencións estatais e autonómicas que reciben, de xeito que poden dispoñer dos cartos antes da rodaxe.
A empresa de investimento Vodka Capital e o seu director, Víctor López, aportou unha nova visión do financiamento audiovisual a través da súa experiencia. Como creador do coñecido personaxe Pocoyó, Víctor López desenvolveu un plan de financiamento que incluía a diferentes empresas e diversificaba as canles de financiamento no proxecto.
A través de Vodka Capital “identificamos un proxecto que nos gusta, que ten valor; apoiamos a produtora no proxecto, financiamos como coprodutores, buscamos socios financeiros, armamos o financiamento e o levamos aos mercados internacionais para desenvolvelo como marca”. Teñen un especial interese polas series de televisión, animación, cine e videoxogos. Despois dun ano de actividade, Vodka Capital seleccionou catro proxectos que vai apoiar e levar aos mercados internacionais.
Finalmente as xornadas remataron coa participación de Enrique Nicanor, produtor e experto en Formación de EAVE Media. Despois do seu paso pola dirección de La 2 de Televisión Española e o Programa Media da Unión Europea conta cunha grande experiencia no sector audiovisual que, segundo definiu, “é un asunto extremadamente complexo con cambios continuos debido a razóns tecnolóxicas”. As características globais do sector texnolóxico e do audovisual fan preciso que se estimule o papel de Galicia como produtores e creadores e non tanto como consumidores dos contidos e da tecnoloxía que veñen dende os Estados Unidos e Xapón.

Rúa Mónaco, 7, baixo A | 15707 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | fax: +34 981 564 322 | e-mail: agapi@agapi.org